Cogomelos e o cambio climático

O xoves 19 de novembro tivo lugar o relatorio da doutora Marisa Castro. Dende ás 20:00 ata ás 22:00 os participantes da XXXVIII Semana Micolóxica Galega puideron ver o preestreo deste relatorio no que nos falou sobre como o cambio climatico está a afectar aos fungos.

Neste relatorio falarase acerca da bioloxía dos fungos macromicetos e de diferentes factores que afectan á súa frutificación, entre eles a temperatura ou a humidade. Este sábado 21 de novembro a partir das 12:00 estará dispoñible este relatorio para todos os públicos. Recordade que podedes facerlle chegar as vosas consultas deixando os vosos comentarios no vídeo.

Sobre a doutora Marisa Castro

Dentro do mundo da micoloxía galega a doutora Marisa Castro seguramente non precise presentación. Grazas a ela moitos dos que hoxe nos atopamos aquí entramos no estudo da macromicoloxía e estamos seguros de que en Galicia calquera afeccionado a este mundo dos cogomelos a tivo nos seus fogares.

É licenciada e Doutora en Ciencias Biolóxicas especializada en macromicoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela. Dende hai anos é profesora titular da Universidade de Vigo onde dirixe o Laboratorio de Micoloxía, cuxa liña principal de investigación e a diversidade macromicolóxica. Ademais ten numerosas publicacións científicas sobre botánica e micoloxía, así como máis dunha vintena de libros de divulgación referidos á etnobotánica e macromicoloxía.

Foi socia fundadora do Grupo Micolóxico Galego Luís Feire en 1992 do que continúa formando parte na actualidade coma presidenta de Honra. Nos últimos embarcouse como socia fundadora na creación da empresa Spin Off da universidade de Vigo MycoGalicia Plantae. Adicada á divulgación, asesoramento e investigación micolóxica.