Día Mundial do Hábitat

En 1986 as Nacións Unidas designaron o primeiro luns de outubro de cada ano como o “Día Mundial do Hábitat”. Aínda que a definición de hábitat non é sinxela e varía en función das fontes, case todas coinciden na esencia. Segundo a Directiva europea 92/43/CEE, tamén coñecida como “Directiva Hábitats”, definíase como: “zonas terrestres ou acuáticas diferenciadas polas súas características xeográficas, abióticas e bióticas, tanto se son enteiramente naturais como seminaturais”. Nun sentido máis amplo e trasladando esta definición a termos máis doados de empregar, un hábitat é calquera zona natural ou seminatural que pode diferenciarse do resto polas súas características, que o fan único. En Galicia, por exemplo, atopamos unha rica variedade deles: dunas costeiras, marismas, pantanos, bosques de ribeira, carballeiras, brañas…

Estes hábitats son o lugar de residencia dunha incrible biodiversidade: plantas, animais, fungos…, unha biodiversidade que, ademais, é característica de cada tipo de hábitat: non imos atopar os mesmos animais nunha carballeira ca nunha marisma. Son, por tanto, as pezas do quebracabezas que conforman o noso rico patrimonio natural.

Un patrimonio que, ademais, é moi útil para nós. Sabías que os humidais, como as marismas ou as lagoas, son importantes secuestradores do carbono atmosférico que contribúen notablemente a paliar o cambio climático? E que as pradarías son puntos quentes da diversidade de artrópodos, ¡entre os cales están os polinizadores dos que dependen os nosos cultivos! E que os bosques de ribeira son unha importante barreira natural durante os fenómenos das cheas, impedindo en moitos casos o desborde descontrolado da auga, que poden ser un perigo para persoas, propiedades e infraestruturas.

Dende MycoGalicia Plantae chamamos á reflexión. A conservación destes hábitats é unha importante débeda contraída co noso medio natural, cada vez máis ameazado pola actividade humana e polos efectos do cambio climático.

Tamén contra a desigualdade!

En 2022 este “Día Mundial do Hábitat”, baixo o lema “Pechando a brecha. Non deixar a ninguén, nin ningún lugar, atrás”, tamén é unha chamada de atención sobre as crecentes disparidades e vulnerabilidades na sociedade, exacerbadas pola crise da COVID-19.