MycoGalicia está de aniversario

mycogalicia-aniversario

Os nosos inicios

MycoGalicia Plantae naceu en 2017 no seno do programa INCUVI da Universidade de Vigo como unha alternativa ao modelo preponderante de xestión forestal.

A través da valorización do recurso micolóxico, Mycogalicia ten como unha das súas metas a potenciación do desenvolvemento rural e do aproveitamento sostible dos montes.

A modernización dos nosos montes pasa pola man común de todos, polo que unha das principais ferramentas de empresa é a divulgación científica nos ámbitos da micoloxía, a botánica e a xestión medioambiental. Os obradoiros desenvoltos a través de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, as actividades con colexios e institutos ou os “Venres Micolóxicos” son soamente un exemplo. 

O potenciamento do aproveitamento micolóxico nos montes galegos ten o seu representante en proxectos como MYCOUTO. A través del, MycoGalicia ten axudado a propietarios na creación, xestión, difusión e dinamización de coutos micolóxicos, unha figura que pouco a pouco está comezando a coller importancia no eido da xestión forestal en Galicia, da cal os coutos de Baroña ou os de Rebordelo son exemplo de que é posible un aproveitamento sostible deste recurso.

Pero ao longo destes anos, o noso equipo foi máis aló. Formamos parte do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), representante das organizacións do sector biotecnolóxico do noso territorio. Procurando novas formas de empregar os fungos a través de proxectos de I+D+i, deseñando e promovendo un futuro máis sostible cun estilo propio.

Os últimos anos

A crise sanitaria por mor da COVID-19 supuxo un importante golpe para empresa. Nun momento no que o mundo queda detido por algo tan desolador como unha pandemia, as actividades que xiran arredor do monte cobran unha menor importancia. Ademais, a nosa labor coma docentes en actividades lúdicas e formativas viuse fortemente afectada.

Porén, despois desta situación saímos renovados e cun novo pulo de enerxía e ánimo polo que facemos. Este outono de 2022 volvemos a ver un panorama moi esperanzador, onde estamos a desenvolver con total normalidade todas as actividades que nos tiñamos proposto, cunha participación e demanda sorprendentes. Ademais, tivemos tempo para reflexionar, analizar novas propostas e áreas de traballo e mudarnos!

Agora podedes visitarnos no local A-10 do Edificio Miralles, no Campus As Lagoas-Marcosende en Vigo.

Hoxe MycoGalicia Plantae cumple cinco anos. Un lustro de duro traballo, con bos e con malos momentos, pero que nos enchen de ilusión por todo que está por vir e sobre todo, con ganas de poder mellorar no noso medio e a sociedade. 

E que sexan moitos máis!

cogomelos